Sunday 28 de April de 2024

Uns 550 alumnos de primaria do municipio asistiron a unha obra teatral como inicio da programación en homenaxe a Rosalía


O Concello de Riveira principiou esta mañá o seu programa de actividades en homenaxe a Rosalía de Castro cun espectáculo teatral no Auditorio ao que acudiron arredor de 550 rapaces de 1º, 2º e 3º de Primaria pertencentes a dez centros educativos do municipio.

Os cativos, repartidos en dúas quendas, asistiron a unha representación titulada “Acuario”, de Teatro Ghazafelhos, que estivo baseada nun poemario de María Canosa.

Para continuar coa programación, mañá sábado na biblioteca municipal haberá un contacontos dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e as súas familias. Será Polo Correo do Vento que ofreza unha acción dedicada ao publicista, ilustrador, publicista e pintor galego Federico Ribas. Principiará ás 12 horas.

Adianto de hora
E o 24 de febreiro, Día de Rosalía, haberá unha lectura pública na praza do Concello que rexistra un cambio de horario en relación á información anteriormente comunicada: será de 12 a 14 horas, adiantando en trinta minutos tanto o inicio como o final da actividade. Para animar o evento terá lugar un pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Andavía.

Tamén cómpre sinalar que na biblioteca municipal exhíbese unha escolma da obra rosaliana na súa homenaxe.